Trinity foi o nome en código da primeira detonación dunha arma nuclear na historia, levada a cabo polo Exército dos Estados Unidos ás 5:29 A.M. do 16 de xullo de 1945 como parte do Proxecto Manhattan. A proba realizouse no deserto Jornada del Muerto a uns 56 km ó sueste de Socorro, Novo México, no que entón era o Campo de Tiro e Bombardeo da USAAF en Alamogordo. As únicas estruturas ali presentes orixinalmente eran a casa de campo McDonald e os seus edificios complementarios, que os científicos usaron como laboratorio para probar compoñentes de bombas. Na semana da proba houbo unhas 425 persoas presentes no lugar.
O nome en código "Trinity" designouno Robert Oppenheimer, director do Laboratorio de Los Alamos, inspirado na poesía de John Donne. A bomba era un artefacto de implosión de plutonio, co alcume informal "O Trebello" (inglés: "The Gadget"), co mesmo deseño que a bomba Fat Mandetonada sobre Nagasaki o 9 de agosto de 1945. A complexidade deste deseño requiriu un grande esforzo por parte do persoal de Los Alamos, e as preocupacións sobre a súa efectividade deron lugar á realización da primeira proba nuclear, planeada e dirixida por Kenneth Bainbridge.
Por mor da preocupación dunha efervescencia construíuse un contedor de aceiro denominado "Jumbo" para o plutonio que permitiría a súa recuperación, aínda que non se utilizou finalmente. O 7 de maio de 1945 realizouse un ensaio, detonando 98 toneladas de explosivos ós que se lle engadiron isótopos radioactivos. A detonación do "Trebello" liberou unha enerxía explosiva equivalente a uns 22 quilotóns de TNT. Entre os observadores da proba estiveron Vannevar Bush, James Chadwick, James Conant, Thomas Farrell, Enrico Fermi, Richard Feynman, Leslie Groves, Robert Oppenheimer, Geoffrey Taylor e Richard Tolman.
Bainbridge, Kenneth (1976). Trinity(PDF). Los Alamos National Laboratory. OCLC692261377. LA-6300-H.
Coster-Mullen, John (2012). Atom Bombs: The Top Secret Inside Story of Little Boy and Fat Man. Waukesha, Wisconsin: J. Coster-Mullen. OCLC298514167.
Dvorak, Darrell F. (Winter 2013). "The First Atomic Bomb Mission: Trinity B–29 Operations Three Weeks Before Hiroshima". Air Power History60 (4): 4–17. ISSN1044-016X.
Hijiya, James A. (2000). "The Gita of Robert Oppenheimer"(PDF). Proceedings of the American Philosophical Society144 (2). ISSN0003-049X. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 26 de novembro de 2013. Consultado o 14 de decembro de 2017.
Szasz, Ferenc Morton (1984). The Day the Sun Rose Twice: The Story of the Trinity Site Nuclear Explosion, July 16, 1945. Albuquerque: UNM Press. ISBN0-8263-0768-X. OCLC10779209.